Friday 10 de May de 2024

As comparsas orosáns “O mundo exipcio” e “A mi plin, yo soy Drag Queen”, gañadoras do Concurso de Disfraces do Concello de Oroso


Os ordenses “Brexit” e “Os trolls”, finalistas dos premios nun concurso que reuniu a máis de 1.500 persoas no polideportivo municipal
Máis de 1.500 persoas ateigaron o polideportivo municipal de Sigüeiro para participar no Concurso de Disfraces e gran festa de Entroido do Concello de Oroso, que tivo lugar na tarde noite do sábado. Por primeira vez nos últimos catro anos, o tempo acompañou e puido celebrarse o desfile polas rúas de Sigüeiro, mentres que no polideportivo houbo unha gran festa con inchables, chocolate con churros de balde e animación musical, onde os máis pequenos desfrutaron bailando ao ritmo que lles marcaban personaxes como Mickey, Donald, Bob Esponja ou Os Minions.

O concelleiro de Cultura, Luís Rey Villaverde, presidiu o acto de entrega dos máis de 3.000 euros en premios aos gañadores e gañadoras do concurso, no que tomaron parte preto de 150 persoas. Unha entrega na que estivo acompañado polos concelleiros de Seguridade Cidadá, Antonio Leira; Ensino, Beatriz Rodeiro; e Turismo, Vanesa Boo.

Premiados

A gran gañadora da noite foi a comparsa “O mundo exipcio”, conformada por ducias de veciños e veciñas de Oroso, e que levou o premio de 500 euros tras sorprender ao público cunha divertida e coidada posta en escena. Os finalistas desta categoría chegaron un ano máis de Ordes: “Brexit”, que levaron 300 euros caracterizados como soldados británicos, co Big Ben acompañando, e cunha divertida aparición de personaxes como Mr Bean, Freddy Mercury ou a raiña de Inglaterra. O premio especial de 150 euros á mellor comparsa de veciños e veciñas de Oroso foi para “Belly dance”.

Na modalidade de grupos, o triunfo e os 350 euros foron para “A ghata ruín da Prada”, unha divertida coreografía de nais e fillas; mentres que o grupo finalista foi “Don Trapo e a súa dona”, que levou os 220 euros do premio polo coidado dos seus disfraces e coreografía. Finalmente, na modalidade individual, o xurado premiou a un impresionante “O Entroido das sete cabezas” con 250 euros; e a “O bosque animado”, con 180 euros.

Categoría infantil

Na categoría infantil, o primeiro premio de 350 euros quedou tamén en Oroso con “A mi plin, yo soy Drag Queen”, unha divertidísima comparsa chega de baile e sorpresas. O finalista foi a comparsa ordense “Os trolls”, que levou 200 euros cos seus coidados disfraces. Na modalidade de grupo, os premios foron para os composteláns “Co extraterrestre” (220 euros) e os orosáns “El Gran juego de la oca” (150 euros). Por último, na modalidade individual triunfou o disfrace “A todo gas”, de A Coruña, seguido polo orosán “Pinocho vai de festa”, cuns premios de 180 e 120 euros, respectivamente.